De Sarria a Compostela

Camiño de Santiago Francés

Sube a Escalinata Maior e adéntrate na zona histórica de Sarria: Igrexa neogótica de Santa Mariña (1885), Igrexa de San Salvador (S.XIII), Torre da Fortaleza (S.XIII), Mosteiro da Madalena (S.XII), o antigo hospital de peregrinos de San Antón (S.XVI) ou a Igrexa de San Lázaro (S.XV-XVII).

Abandona a vila por Ponte da Áspera (reconstruída no S.XVIII sobre ponte medieval) e comeza a ascender até atopares a Igrexa Románica de Santiago de Barbadelo (S.XII), declarado Ben de Interese Cultural.

Animámoste a percorrer os 114 kilómetros que te separan de Santiago e da Compostela ou a facer a etapa do Camiño Francés Sarria – Portomarín de 21,6 kilómetros. ¿Camiñamos?

O trazado do Camiño de Santiago no concello de Sarria.

La “Strata publica peregrinorum” o “Corga Francesa”, fai un percorrido a través do término municipal de Sarria de 19 km. (a variante de Samos que pasa por Perros suma 2 km. máis).

Entra no Concello de Sarria por A Furela (Concello de Samos), seguindo por Pintín e A Pedra de Calvor (onde actualmente hai un albergue de peregrinos da rede pública), neste lugar únese a variante de Samos, na que a parada anterior a Calvor sería Perros; continúa até A Aguiada e desde alí segue por San Mamede do Camiño, San Pedro do Camiño, O Pividal, Vigo de Sarria y O Campo do Rolo acada a Ponte Ribeira; para atravesar a Vila de Sarria pola Rúa do Peregrino, Escaleira da Fonte ou Escalinata Maior, Rúa Maior, Rúa da Mercede, onde se situaba o anterior punto kilométrico 111 (onde hoxe se atopa a antiga Prisión Preventiva, hoxe Oficina de Turismo), até chegar ao Mosteiro da Magdalena (Convento da Mercede).

Desde A Ponte da Áspera por San Miguel, O Castro e o lugar de As Paredes chégase a Vilei, continuando por Mosteiro de Barbadelo, San Silvestre, Rente, Mercado da Serra, e polo real Muiño de Marzán, O Sistelo, A Olga, Novelle, Peruscallo, Cortiñas, Lavandeira, O Casal, A Brea y por último Morgade.

O Camiño de Santiago foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, Primeiro Itinerario Cultural Europeo polo Parlamento Europeo e recibíu o Premio Príncipe de Asturias á Concordia.

Todo elo destaca a importancia do intercambio cultural, relixioso, ideolóxico e de convivencia xerado polo feito das peregrinacións e como cada ano son máis os peregrinos de todas as linguas, nacionalidades e culturas que realizan esta ruta secular a pé, en bicicleta, a cabalo ou co emprego doutros medios, movidos polas máis diversas razóns.

A maior parte deses peregrinos elixen Sarria, lugar onde Alfonso IX rematou a súa peregrinación, para comezar a súa, xa que Sarria se atopa a 114 km. de Santiago de Compostela, dentro do percorrido mínimo necesario para obtener a Compostela; ademáis de por estar ben comunicada e ser a localidade con maior número de servizos no Camiño Francés e contar con grande infraestructura.

No actual auxe do feito das peregrinacións tivo moi destacada parte o sarriao Don Elías Valiña Sampedro, “O Cura do Cebreiro”, inventor da universal flecha amarela do Camiño.

A octocentaria vila de Sarria ten sido lugar de paso de peregrinos desde a Idade Media, a súa historia está ligada ás peregrinacións. Froito deste florecemento cultural e artístico foron a fundación por toda a comarca de diversos mosteiros como Santo Estevo de Calvor (785), Santa María de Corvelle (857) ou San Mateo de Vilapedre (segunda metade do X), San Martiño e Santiago de Barbadelo, San Paio de Piñeira, Santiago de Mortoláns, San Paio de Cesar, San Salvador de Barxa, San Salvador de Rosende, San Mamede da Pinza, San Pedro de Taíde…

Mención especial merece o Mosteiro da Magdalena, fundado a principios do S. XIII como hospital e albergue para descanso e abrigo dos peregrinos, por dous relixiosos italianos da Orde dos Benaventurados Mártires de Cristo.

En Sarria houbo outros hospitais: o de Santo Antón (S. XVI), actual xulgado, fundado por Don Dinís de Castro, que atendía aos peregrinos cando voltaban de Santiago, e o de San Lázaro (de leprosos) do que só se conserva unha preciosa capela, o Hospital Vello, no solar do número 18 da Rúa Maior, así como os da Aguiada, O Carballal, Santa Marta, Barbadelo, Morgade e Goián.

A presenza xacobea da que foron mostra os nove hospitais establecidos na zona, móstrase activa na actualidade nos albergues da vila e medio rural.

Fotografía de Elías Valiña SampedroEn realidade Don Elías Valiña Sampedro, é o sarriao máis coñecido entre os fillos ilustres que deu o século XX. Sen a súa labor de calado e efectivo, sería imposible entender o actual bon suceso da milenaria ruta xacobea.

Naceu en Mundín, parroquia de Santa María de Lier (02/02/1929). Fixo estudos eclesiásticos no Seminario de Lugo, sendo ordenado sacerdote. Licenciado en Dereito Canónico pola Universidade de Comillas e Doutor pola de Salamanca.

Coñecido como “O cura do Cebreiro”, por desempeñar a súa labor apostólica en varias parroquias do Concello de Pedrafita, a partir de 1967, e de ter activa participación na restauración do conxunto poboacional e o seu significado como fito Xacobeo, xa que foi propulsor da restauración do templo, hospedería do poboado do Cebreiro, que estaba en perigo de extinción. As obras foron iniciadas en 1962 e en 1971 foi inaugurado un Museo Etnográfico nas pallozas xa restauradas.

O seu traballo “El Camino de Santiago. Estudio histórico-jurídico”, foi galardoado co Premio “Antonio Nebrija” (1967) e publicado en 1971 polo Consello Superior de Investigacións Científicas.

Foi correspondente na Academia de Doctores de Madrid (sección de dereito) e membro da Comisión de Patrimonio Cultural da Igrexa en Galicia e do Consello de Cultura da Diputación Provincial de Lugo.

Participou activamente no “Inventario histórico-artístico de Lugo y su provincia” (Madrid 1975-1983), colaborou coa Universidade Pontificia de Salamanca na elaboración do primeiro volume do “Synodicon Hispanum” (Madrid 1981), adicado a Galicia, e foi comisionado pola secretaría de Turismo para a redacción da “Guía del Peregrino. Camino de Santiago” (Madrid 1982). En 1971 publicou no Faro de Vigo o traballo “Caminos de Compostela”.

De 1986 é a obra “Catálogo de los archivos parroquiales de la diócesis de Lugo”. Polo que o CSIC entregoulle o premio “José María Cuadrado”. Outras publicacións: “Galicia y el actual resurgimiento del Camino de Santiago”.

Adicado activamente á revitalización do Camiño de Santiago, en 1984 emprende a sinalización das diferentes etapas coa flecha amarela, que o distingue, desde Valcarlos a Compostela, e dentro do tramo galego realizou traballos de limpeza, fixación de alternativas, etc.

Publiou diversas guías do Camiño de Santiago, promovidas por editoriais turísticas, que destacan por ser prácticas e moi fundamentadas. O seu intenso labor xacobeo levou a que fose nomeado Comisario do Camiño de Santiago no “I Encuentro Jacobeo” (Santiago 1985). Promotor e inspirador de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, tanto en España como no estranxeiro, e da súa federación, publicou un interesante “Boletín del Camino de Santiago” e participou en conferencias, ciclos divulgativos, congresos, etc. nun traballo de auténtico apostolado xacobeo.

A morte sorprendeuno o 11/12/1989, cando o seu labor daba os primeiros froitos e as peregrinacións estábanse a converter de novo nun feito de masas. Foi enterrado na Igrexa de Santa María A Real do Cebreiro, no adro do templo. Son moi numerosas as muestras de homenaxe e admiración deixadas en sentidas inscripcións adicadas á súa figura, por asociacións, institucións e particulares de diversos países, colocadas ao lado dun busto recordatorio.

Honrando a súa memoria hai unha rúa que leva a seu nome na vila, esta rúa une o trazado histórico do Camiño e a estrada que une O Cebreiro con Portomarín, xusto na entrada de Sarria; serve para recordar e facer homenaxe a un personaxe singular que adicou todo o seu esforzo en facer resurxir e potenciar as peregrinacións a Compostela. Na Igrexa de Santa Mariña está instalada unha inscripción no seu recordo como “constructor do Camiño das modernas peregrinacións” adicada por Curso de Historia Comarcal do extinguido Centro de Estudos para Adultos.

En 2015 foi nomeado Fillo Predilecto de Sarria a título póstumo, e o seu retrato foi incorporado á Galería de Sarriaos Ilustres.

Fonte: Seminario de Estudos Sarriaos.

0
0